Thursday 02 de May de 2024

Centos de persoas concentráronse na praza do Concello de Riveira para clamar contra a violencia de xénero


Alumnos de Secundaria erixíronse en protagonistas no evento

Riveira clamou hoxe cunha soa voz a súa mensaxe contra a violencia de xénero. Nunha concentración celebrada este mediodía na praza do Concello, déronse cita centos de persoas entre membros da Corporación pertencentes aos distintos grupos políticos, traballadores municipais, estudantes e profesores de educación secundaria e veciños en xeral, para conmemorar este día no 25 de novembro.

Baixo a pancarta que dende hai dúas semanas pende do balcón consistorial, os alí presentes., con moitos carteis baixo lemas como “25 de novembro + 364 días contra a violencia de xénero”, “es de mujeres valientes reír cuando el alma llora” ou “non somos medias laranxas, somos laranxas enteiras”.

Abriu o acto o alcalde Manuel Ruiz, quen salientou que 48 mulleres perderon a vida en España no que vai de ano (6 en Galicia) e lembrou que existen ademais moitas vítimas invisibles alleas ás estatísticas que aínda sofren a violencia. Apelou á que estudantes como os alí presentes asuman como propia a responsabilidade de avanzar cara unha sociedade cada vez máis igualitaria e expresou o compromiso de administracións como a de Riveira de traballar neste eido.

A continuación interviñeron alumnos representantes de catro centros educativos (colexio Bayón, IES Leliadoura, IES Número 1 e Sagrado Corazón de Castiñeiras), que leron os seus propios manifestos, poemas e outros escritos conmemorativos do día de hoxe.

Tras preto de media hora, o acto rematou cun minuto de silencio.